20.4.21

Centenario da Revista Nós

Este curso 2020-21 celébrase o centenario da Revista Nós que nace o 30 de outubro de 1920. 

 Nós foi unha revista publicada en galego entre 1920 e 1936 con contidos literarios, lingüísticos, artísticos, etnográficos, filosóficos e de pensamento político.

   

      Preme na imaxe para saber máis. 

 

Nós foi impulsada e dirixida por Vicente Risco, quen buscou insistentemente colaboracións de fora de Galicia para darlle á revista unha dimensión europea. O primeiro número apareceu o 30 de outubro de 1920 en Ourense e alí publicaranse ata o número 15, despois pasaría a ter a súa administración na Coruña e Santiago de Compostela, na sede da Editorial Nós. A dirección postal da revista estivo sempre no domicilio de Risco.

  Vicente Risco

                             Preme na imaxe para saber máis sobre o autor. 

 

A revista pretendía normalizar o uso do galego e levalo dos usos orais ata a alta cultura. Intentouse tamén que o deseño gráfico axudase a conseguir esa dignificación e a crear unha estética xenuinamente galega, polo que Risco deixou a Castelao como responsable artístico.

 

                         Preme na imaxe para saber máis sobre o autor.

 

A Revista trataba esencialmente dous ámbitos distintos: por un lado o descubrimento da identidade galega, introducindo liñas de investigación novas e contribuíndo á modernización metodolóxica que afectou fundamentalmente á arqueoloxía, etnografía, historia e pensamento; e por outro lado a presentación das ideas que ían aparecendo en Europa Para este fin exploráronse as culturas europeas que se consideraban más próximas á galega como a irlandesa e a portuguesa.

Entre as novidades que a revista Nós achegou á cultura galega están as traducións de autores contemporáneos, como a tradución de fragmentos do Ulysses de James Joyce por parte de Otero Pedrayo.

Dende o ano 2020 a Secretaría Xeral de Cultura, como un dos promotores da conmemoración do centenario de Nós, está a impulsar a edición da revista en formato electrónico para permitir a súa lectura en diferentes dispositivos, como smartphones ou tablets, adaptándose así aos hábitos lectores da sociedade actual.

 

 

                                          Preme na imaxen para saber máis.

 

 

No seguinte enlace podemos ver unha visita teatralizada de membros da Xeración Nós que viaxan ó presente para interactuar co público e coas persoas representantes da cultura galega actual.

 A través dunha viaxe no tempo da Xeración Nós a 2020, da man da compañía Os Quinquilláns, con esta visita teatralizada trátase de facernos partícipes, cen anos despois, da revolución que supuxo para o noso legado cultural. 

Ademais, a aparición dunha interesante figura feminina que colaborou na revista, Margot Sponer (lingüista alemá que, con Documentos antigos de Galicia, se converteu nunha das pioneiras dos estudos galegos no mundo), porá en valor o papel da muller na época, alén de visibilizar a proxección internacional desta publicación.

Elenco: Antón Losada (Víctor Mosqueira), Risco (Josito Porto), Cabanillas (Lucho Penabade), Castelao (Dane García) e Margot (Tero Rodríguez).

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Comentario en proceso de revisión. Grazas!