11.4.25

UN TRIMESTRE DE MOITO GALEGO

No Pombal o galego está moi vivo! Proba diso son os moitos eventos que tivemos neste trimestre. Velaquí unha breve escolma.

🌾 BAUTIZO DO HORTO ESCOLAR 

A proposta de Lía (4ºB) foi a gañadora do concurso para buscar nome para o noso horto escolar.  "Chorima, a horta que máis che mima" será a nova denominación deste espazo que xa comeza a estar cheo de vida.
- Por que "chorima", Lía, e que significa?
- Atopei esa palabra casualmente no libro de Lingua. Gustoume moito porque a chorima é a flor amarela do toxo, unha planta moi típica dos nosos montes.
Leonor (5ºA) encargouse de adornar a presentación cun fermoso debuxo que estará no horto, ao igual que todas as achegas feitas polo alumnado participante.

🎵 MÚSICA POPULAR

A Unión Musical de Cabral visitou o noso centro para explicar á rapazada que é unha banda musical e facer un achegamento á musica popular. Conseguiron que todos os ollos e orellas estiveran pendentes dunha actuación chea de sorpresas, música e bo humor.

Velaquí un folleto informativo sobre as clases que dan para rapazada a partir dos 3 anos.

📑 CERTAME DE RELATOS

Doce valentes de 5º e 6º decidiron participar no certame de relato curto de FANPAS. Coa axuda e correccións do Equipo de Dinamización Lingüística presentaron textos de diversos xéneros: terror, aventuras, fantasía...
Ficamos atentos á resolución do certame que chegará proximamente!

🐟 CONCURSO PARA CREAR A "CALVARITO"

O alumnado está facendo a súa proposta para crear a mascota do Mercado do Calvario, "Calvarito", unha iniciativa do Mercado para celebrar o seu centenario.   

🙋 LITERATURA E TEATRO

A biblioteca escolar bule de actividade! Alén dos tradicionais desafíos contamos coa visita de persoas escritoras: Miguel A. Diz, Andrea Maceiras...

A compañía A Xanela de Maxín organizou unha pequena representación teatral na que as actrices e actores foron os nosos axudantes bibliotecarios. 

E continuamos coas tradicionais visitas á Biblioteca Pública Municipal Neira Vilas, onde o alumnado aprende sobre os servizos que ofrecen e gozan dunha animación á lectura co seu persoal que tan ben nos trata sempre!

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Comentario en proceso de revisión. Grazas!