21.5.25

CELEBRAMOS AS LETRAS GALEGAS E OS MAIOS 2025

Este curso celebramos conxuntamente as Letras Galegas e os Maios nun acto cheo de música galega e sorpresas.

Para quentar motores, a celebración comezou con Zoe, Manu, Martín, Miguel e Dominick, de 4º, cantando "Oliveira dos 100 anos", todo un símbolo na nosa cidade.

alumnado de 6º EP presentou o acto e entregou os premios do Certame Musical, en homenaxe ás cantareiras ás que se dedicaba este ano o Día das Letras Galegas. A participación foi altísima: máis de 50 alumnas e alumnos animáronse a cantar en galego e case a metade foron premiados. A calidade das participacións foi incrible e demostra que a tradición musical do galego está moi viva.

Puidemos gozar de actuacións tan especiais como a de Diego, de 3º, quen musicalizou un poema que lle gustou. Foi moi valente pois só leva aprendendo galego uns meses e conseguiu moitísimos aplausos!


As irmás Zoe e Zaida, de 4º e 6º, deixaron abraiado ao público co seu dominio de pandeireta e o canto tradicional. Que nivel!


Pechando as actuacións, Xulia, de 6º, deleitounos cunha fermosa peza tipicamente galega, como nos ten acostumados esta nosa pandereteira.

Deseguido cantamos ao Maio, que construímos coa colaboración de toda a comunidade educativa así que grazas, familias, alumnado e profesorado, polas vosas achegas. 

Como novidade, este ano levamos o Maio á exposición que organiza a Asociación de Veciños no Mercado do Calvario, onde podedes visitalo esta fin de semana.


Para rematar, alumnado e profesorado cantaron himno galego, clausurando esta celebración de compromiso coa nosa lingua e cultura.

1 comentario:

Comentario en proceso de revisión. Grazas!