No Pombal o galego está moi vivo! Proba diso son os moitos eventos que tivemos neste trimestre. Velaquí unha breve escolma.
🌾 BAUTIZO DO HORTO ESCOLAR
A proposta de Lía (4ºB) foi a gañadora do concurso para buscar nome para o noso horto escolar. "Chorima, a horta que máis che mima" será a nova denominación deste espazo que xa comeza a estar cheo de vida.
- Por que "chorima", Lía, e que significa?
- Atopei esa palabra casualmente no libro de Lingua. Gustoume moito porque a chorima é a flor amarela do toxo, unha planta moi típica dos nosos montes.
Leonor (5ºA) encargouse de adornar a presentación cun fermoso debuxo que estará no horto, ao igual que todas as achegas feitas polo alumnado participante.
🎵 MÚSICA POPULAR
A Unión Musical de Cabral visitou o noso centro para explicar á rapazada que é unha banda musical e facer un achegamento á musica popular. Conseguiron que todos os ollos e orellas estiveran pendentes dunha actuación chea de sorpresas, música e bo humor.
Velaquí un folleto informativo sobre as clases que dan para rapazada a partir dos 3 anos.📑 CERTAME DE RELATOS
Doce valentes de 5º e 6º decidiron participar no certame de relato curto de FANPAS. Coa axuda e correccións do Equipo de Dinamización Lingüística presentaron textos de diversos xéneros: terror, aventuras, fantasía... Ficamos atentos á resolución do certame que chegará proximamente!🐟 CONCURSO PARA CREAR A "CALVARITO"
O alumnado está facendo a súa proposta para crear a mascota do Mercado do Calvario, "Calvarito", unha iniciativa do Mercado para celebrar o seu centenario.
🙋 LITERATURA E TEATRO
A biblioteca escolar bule de actividade! Alén dos tradicionais desafíos contamos coa visita de persoas escritoras: Miguel A. Diz, Andrea Maceiras...
A compañía A Xanela de Maxín organizou unha pequena representación teatral na que as actrices e actores foron os nosos axudantes bibliotecarios.
E continuamos coas tradicionais visitas á Biblioteca Pública Municipal Neira Vilas, onde o alumnado aprende sobre os servizos que ofrecen e gozan dunha animación á lectura co seu persoal que tan ben nos trata sempre!